Casos de apoyo proyectos creativos

Casos

fotografías na exposición do MAC (A Coruña, 2010)

selección de fotografías elaboradas no taller

Taller fotográfico / proxecto institucional (UDC – MAC – CGAI)
Dinámica de grupo e apoio individualizado

Autopsia Educativa foi un proxecto artístico, formativo e investigador, ideado e coordinado polo profesor universitario José Mª Mesías Lema, dentro do cal realicei un taller de fotografía para alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Os traballos elaborados durante o mesmo foron expostos no Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MAC, A Coruña) en 2010.

Pedín aos alumnos que deseñasen un autorretrato fotográfico no que, portando un cartel escrito a modo de declaración, fixesen explícitos os temores e incertidumes que lles provocaba o seu futuro como docentes. A construción da propia imaxe dos participantes relacionábase aquí coa construción da súa subxetividade. Aínda que o formato estaba moi definido, foi necesario un diálogo individualizado e continuo para que no proxecto de cada participante se axustasen as intencións e a forma de comunicalas (qué recursos podía empregar e cómo podía empregalos). Non se trataba de dirixir, senón de acompañar, de facernos preguntas.

O taller comezou cunha sesión de plantexamento e brain-storming, para deixar abertas cuestións e apuntar posibles referentes. Seguiron dúas sesións de proposta e revisión do traballo de cada participante e unha para a toma de fotografías, rematando cunha posta en común do proceso.

Ademáis da citada exposición, o conxunto do proxecto Autopsia Educativa foi recollido na publicación homónima, coeditada por Arte Contemporáneo y Energía AIE, a UDC e o CGAI (2011), e deu lugar a outras publicacións académicas.

Fotografías do proceso de traballo

Exposición “Dispositivo Migrante”, biblioteca municipal da Sagrada Familia, 2018

Proxecto de fotografía / vídeo / instalación / investigación histórica
Seguemento personalizado

Prestei apoio a Joan Morera durante o proxecto que realizou no marco das Residencias Artísticas do MAC entre outubro e decembro de 2016.

As conversacións iniciais que mantivemos axudaron a definir o eixo temático do proxecto: o contraste entre a histórica emigración transoceánica e o actual turismo de cruceiros, como dous modos de viaxe por mar relacionados con fluxos económicos e cunha localización moi concreta no porto coruñés, o actual Peirao de Transatlánticos, antiga Estación Marítima (localización das históricas fotografías de Manuel Ferrol e Alberto Martí, memoria visual da emigración galega).
Compartín con Joan a información que sobre estes autores puiden manexar na miña investigación doutoral, axudei a localizar os lugares das súas fotografías e as direcións dos Arquivos históricos da cidade, onde pode consultarse material bibliográfico e fotográfico sobre o tema desta investigación. Tamén lle suxerín bibliografía específica e faciliteille a consulta de varios libros da miña propiedade.

O proxecto puido prolongarse tempo despois nas residencias de investigación “Geografía, memoria y capital cívico”, convocadas polo Concello da Coruña, froito do cal el traballo de Joan se amosou na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia en 2018 co título de “Dispositivo Migrante”.

Joan Morera // Doutor e Licenciado en Belas Artes (Universidade de Vigo) // Estancia de investigación e residencias en Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA) de Buenos Aires, La Pinguela (Oberá, Arxentina), MAC (A Coruña), “Geografía, memoria y capital cívico” (Concello da Coruña), Colegio de España en París (con beca FormARTE do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte) // Exposicións en MARCO (Vigo), MAC, Fundação de Serralves (Oporto) e Galería Adhoc (Vigo).

Máis información sobre esta exposición

Outro proxecto de Joan Morera relacionado coa emigración

Sara Coleman

Fotografías do proceso de traballo

Articulaciones del deseo, 2018, feltro, pintura e fíos. Fotografía Tono Mejuto

Proxecto de escultura / instalación / experimentación téxtil
Seguemento individualizado

Acompañei a Sara Coleman nos meses de maio e xuño de 2017, durante o desenvolvemento do proxecto realizado no marco das Residencias Artísticas do MAC (A Coruña).

Sara combina a experimentación con materiais texidos, a reflexión e o interese teórico, de forma que o apoio prestado tivo dúas vertentes: Por un lado as visitas regulares ao seu espazo de traballo para valorar con ela, en longos diálogos, a evolución dos materiais que ía transformando e reubicando en relación a ese lugar específico. Por outro lado, nas conversas valoramos tamén posibles referentes teóricos, bibliografía e conexións con fontes de información laterais.

Do traballo realizado por Sara Coleman durante as Residencias Artísticas do MAC derivouse a peza “Articulaciones del deseo”, que formou parte da exposición “14 en positivo” celebrada no mesmo museo a finais do 2018, e recollida no correspondente catálogo (Edit. Fundación Naturgy, 2018).

Sara Coleman // artista, investigadora, profesora e deseñadora, situada entre os campos da arte e o deseño // Graduada en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, Máster en Xestión de Moda, Técnico en Patronaxe- Escalado Industrial (LCI_Escuela Superior de Diseño de Moda), Experto Universitario en Formación, Cultura e Xestión de Moda, Deseño de vestiario para Artes Escénicas e Ilustración Experimental en Moda (Central Saint Martins) // deseñadora e patronista para diversas empresas do sector téxtil // colaboracións como deseñadora de vestiario e estilista // en 2007 funda a súa propia marca de moda: SARA COLEMAN_Organic Design, presentando coleccións na pasarela Mercedes Benz Fashion Week Madrid e feiras internacionais do sector téxtil durante 10 edicións // foi docente en ESDEMGA (Universidade de Vigo), EOI_Mediterráneo (Escuela de Organización Industrial), Fundesarte, EUDI (Escuela Universitaria de Diseño Industrial), Escuela Superior de Diseño y Moda Felicidad Duce (LCI, Barcelona), EASD Gran Canaria, EASD Mestre Mateo, EASD Antonio Faílde, Fundación Centro de Artesanía y Diseño de Galicia, entre outras // actualmente é investigadora na Universidade de Vigo, formando parte do grupo de investigación DX5.

Web de Sara Coleman

Lucía Verdugo
Lucía Verdugo
Lucía Verdugo
Lucía Verdugo
Lucía Verdugo
Lucía Verdugo

Páxinas da maqueta

Proxecto para TFG (Grao en Belas Artes) / fotografía / deseño gráfico
Seguemento individualizado vía mail

Prestei apoio a Lucía Verdugo no tramo final do curso 2017-2018 para a realización do seu TFG (Grao en Belas Artes, Facultade de BBAA de Pontevedra, Universidade de Vigo). O seguemento e diálogo mantívose a distancia, vía mail.

O proxecto de Lucía centrábase na realización dun fotolibro que tería “a luz” como fío temático, e o primeiro que traballamos foi a acotación dese “tema”, algo imprescindible para a definición da tipoloxía de imaxes a incluir no fotolibro, pero tamén para definir o marco conceptual do traballo teórico e da memoria escrita que, por esixencias académicas, deberían realizarse.

Un dos recursos de apoio na fase inicial do proceso foi a definición de referentes, lanzando a Lucía algunhas propostas que ela seleccionaba por afinidade, o que me servía para ser máis preciso ao facer novas suxerencias de autores artísticos e teóricos.
En paralelo a isto, algunhas preguntas sobre o “tema” e a posición a tomar diante do mesmo serviron para ir atopando o ton ou a voz para o fotolibro, que non resultaría tan abstracto ou formalista como ese “tema” podería facer supoñer. O feito de que moitas das fotografías incluidas no mesmo fosen, dalgunha forma, retratos en situacións cotiás, alonxaba o exceso de abstracción e despertou reflexións sobre o papel dos “personaxes” no libro. A citada cotidianidade e a repetición dalgúns suxeitos facían pensar nun círculo íntimo de amizades ou familia, pero as imaxes mantíñanse nun ton narrativo elíptico, que nunca acaba de ser explícito ao respecto. Tal recurso contribuiu a manter certa atmósfera de misterio, de forma que o axuste da narración global pasou ao estudo da secuencia das imaxes, a aparición de personaxes, a súa repetición, etc.

Na última fase do traballo, o meu papel consistiu en facer preguntas e suxerencias sobre o ritmo gráfico, a evolución do tratamento da luz ao longo do libro (a clave era un paso das luces duras da mañá ao irreal das luces artificiais nocturnas), o papel dos personaxes, a secuencia da súa aparición e a alternancia con outras imaxes, ou as propostas concretas de montaxe (definindo posibles secuencias de fotografías).

Coa axuda do diálogo mantido e o manexo de referentes axustados aos intereses de Lucía, o seu TFG completouse de forma coherente nos planos práctico e teórico, tendo boa valoración no contexto académico ao que ía dirixido.

Lucía Verdugo é Graduada en Belas Artes (2018) e Máster de Dirección de Arte en Publicidade (2019) pola Universidade de Vigo. Ten recibido unha Bolsa de Comunicación Institucional na Área de Imaxe da mesa Universiade (2019) e está comenzando a súa carreira no ámbito profesional da fotografía, ilustración e deseño gráfico.

Ana Núñez
Ana Núñez
Ana Núñez

Fotografías do proceso de traballo

Ana Núñez

Fotografía obras na exposición “14 en Positivo” (MAC, A Coruña, 2018)

Proxecto de fotografía / instalación
Seguemento personalizado

Nos meses de maio e xuño de 2018, acompañei o proxecto que Ana Núñez Rodríguez realizou no marco das Residencias Artísticas do MAC (A Coruña).

Cunha delimitación disciplinar no ámbito da fotografía, o proxecto tivo como punto de partida a indagación sobre os aspectos simbólicos, míticos e antropolóxicos da agua en Galicia. As entrevistas que Ana realizou a varios zahorís serviron como casos de estudo a partir dos cales se podería facer visible a tensión entre as formas de coñecemento consideradas como “pseudociencia” e a rixidez do método científico. Como obxectivo xeral, buscábase achegar ao espectador a outros modos de entender a experiencia sensorial.

Fixen suxerencias para a busca inicial de bibliografía, de referentes e de vías de investigación posibles que, coas mencionadas entrevistas a zahorís, serviron a Ana para producir e recopilar diversos materiais: fotografías (propias e doutras fontes), ilustracións e diagramas procedentes de libros sobre radiestesia, gráficos científicos abstractos, útiles de laboratorio e obxectos asociados á práctica do zahorismo (como unha rama de árbore en forma de “Y” ou un péndulo). Avaliar e expresar verbalmente a coherencia que se mantiña dentro desta diversidade foi outro dos recursos que empreguei na fase intermedia do proxecto.

Finalmente, para a edición e a montaxe dos materiais, Ana elaborou un deseño a escala no que se integraban diversos soportes e se mantiña unha certa atmósfera de “misterio”, polo que suxerín a oportunidade de manter nos textos que acompañasen ao proxecto un ton igualmente “flotante”, deixando tanto ao espectador como ao lector unha marxe suficiente como para que decida a súa ubicación respecto da creencia nas formas alternativas de coñecemento, pechando o círculo do obxectivo principal.

Este proxecto, con deseño de montaxe da propia autora, puido verse na exposición “14 en positivo” celebrada no MAC a finais do 2018 e algunhas imaxes foron recollidas no correspondente catálogo (Edit. Fundación Naturgy, 2018).

Ana Núñez Rodríguez // Artista de soporte fotográfico // Master Fotografía e Sociedade (KABK, Royal Academy of Arts The Hague, Holanda), Postgrao en Fotografía (Universidad Nacional de Colombia, Bogotá), Fotografía Documental e Creación contemporánea (Escuela Superior de Imagen y Diseño, IDEP. Barcelona), Postgrao en Proxectos Culturais e patrimonio (Instituto Universitario Lisboa) // Exposicións individuais en Anewal Gallery (Kyoto, Japón) e Universidad Cooperativa de Colombia (Bogotá) // Residencias, premios, publicacións e exposicións colectivas internacionais en España, Portugal, Francia, Bélxica e Colombia.

Web de Ana Núñez Rodríguez

Selección de documentos de traballo

Formación en contexto académico (Máster en Arte Contemporánea, Universidade de Vigo)
Dinámicas de grupo e seguemento personalizado

Nos cursos 2015-2016 e 2014-2015 realicei o “Taller de artista invitado” no marco do Máster en Arte Contemporánea da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, propoñendo dinámicas de grupo e formas de seguemento personalizado no proceso de realización dos TFM de cada alumno/a.

Organizáronse dinámicas de traballo para a acotación temática dos proxectos, buscando tamén conexións entre eles, referentes comúns, afinidades, etc. Espuxéronse e comentáronse en grupo contidos, técnicas e experiencias nos procesos artísticos e académicos: a realización e función dun statement, os documentos de traballo nos proxectos, a forma de comunicalos ou a organización das fases de traballo. Tamén se trataron cuestións específicas de desenvolvemento dun TFM: a súa estrutura, a elaboración dun índice previo ou a normativa para citas e bibliografía.

En todo o proceso propuxéronse exercicios individuais (elaboración dun statement persoal, fichas de proxecto ou índices do TFM), que foron a base para algunhas das dinámicas colectivas e para o diálogo personalizado con cada alumno/a. Este último tivo como recursos principais as titorías individualizadas e o intercambio de mails.

A formación ofrecida neste taller foi la mellor valorada do Máster na enquisa de avaliación docente.